Por que tes o móvil en portujés?

En multitude de ocasións me teñen dito cousas como:
- Por que escribes en portugués?
- Tes o móvil en portugués!
- Queredes ser portugueses en vez de españoles.
- Facédelo para diferenciarvos do español...

Este post que escribo, fágoo para aclarar todos estes prexuízos e descoñecemento que moita xente ten.

En primeiro lugar, isto é un artigo estrictamente sobre língua, pido que se tente non misturar con política territorial, fronteiras ou nacións. E pido tamén que se intente quitar do medio as ideas que se teñan preconcebidas, ou se de por sentado que é o que eu vou dicir nin as conclusións ás que vou chegar sen antes ler. Quero primeiro expoñer uns feitos, e logo xa haberá tempo de chegar a algunha conclusión ou actitude a tomar.

Hoxe en día hai un movimento de cada vez mais xente que "pasa" da normativa oficial do galego, e decide empregar a ortografía portuguesa. ¿Por que?
É necesario dar unha pasada rápida pola historia para explicar o presente e poder entender os argumentos.

É necesario saber que na idade media hai moitos séculos xa, o galego era a língua do Reino de Galicia, que comprendía a actual Galicia, Portugal (que por aquel entón era moi pequeno), e parte do oeste dos actuais León e Asturias. Polo que por isto xa se pode deducir que o Portugués como língua naceu daquel Reino.

No 1128 sepáranse Portugal e Galicia, por motivos políticos, pero todas as fontes de documentación apuntan a que seguiron sendo a mesma língua durante moito tempo.

Séculos mais tarde a nobreza castellana substitúe á galega e a língua galega desaparece da escrita de forma oficial durante 500 anos.

A língua (ata aqueles momentos nosa) seguiuse falando en Portugal, e nunca tivo ningún tipo de imposición nin restricción polo que se mantivo viva na escrita, na oralidade, na cultura, na política, no ensino, en definitiva en todos os ámbitos non sufrindo ningún tipo de erosión.

O contrario do que aconteceu no que quedaba do Reino de Galicia. A pesar de que a língua continuou viva unicamente na oralidade de país a fillos na casa, ao non ter acceso a un ensino e non poder ler libros nin culturizarse nesta língua, a xente comezou a misturar o idioma co castelán na súa fala coloquial. En algúns lugares comezaron a substituír palabras xenuínas galegas, polas correspondentes en castelán, incluso puderon verse forzados a adoptar esas palabras para que as xentes do poder os entendesen mellor. Outras palabras que simplemente entraban para conceptos modernos pois xa se importaron do castelán así desde un principio.

Tras varios séculos (1863), élites culturais de Galicia decidiron reivindicar a fala que había en Galicia, e reivindicaron poder escribila e tratala como un idioma real. Escribiron pois, coa única ortografía que coñecían que era a castellana xa que foran únicamente alfabetizados nesta língua. Algunhas destas persoas, probablemente tamén escribiron coa normativa castellana para posibilitar que se puidese entender neses momentos por unha maior cantidade de xente de Galicia que unicamente fora educada en castellano. Aínda así cada escritor reflexaba na escrita as súas propias variedades dialectais, algúns empregaban a letra "Ç" para transcribir o SESEO, outros en vez de "MAN" dicían "MAO" e "IRMAO" e "MAI", o que daba a entender que a língua galega tiña moitas variedades dialectais dependendo do lugar e da erosión que sufrira neses 500 anos en cada zona, e non había un único xeito de falalo.

Aínda escribindo o galego cada un dun xeito diferente, case por unanimidade sempre aceptaron que o Portugués era a mesma língua que a galega e sempre afirmaron que había que procurar que nun futuro a escrita se unificase o máximo posible coa portuguesa.
No 1936 a língua galega volve sufrir o silenciamento doutra ditadura. Unha vez rematada, coa democracia por primeira vez en 600 anos, decídese traballar por volver a ter unha normativa standard coa que ensinar a língua galega.

A pesar dos 600 anos de erosión da fala en Galicia, neses momentos Galego e Portugués seguían (e siguen) compartindo aproximadamente o 90% das palabras. Resulta case obvio que despois de 600 anos, -e isto é a primeira opinión persoal que inclúo no texto- , o mais normal houbese sido, ter en conta (xa non digo copiar, se non ter en conta) a normativa que tiñan, para a que fora a nosa língua anteriormente, no país viciño. Había duas posturas enfrentadas dentro da Real Academia Galega, a que sostiña que se tiña que achegar todo o posible a normativa á portuguesa entre a que se encontraba o primeiro filologo de língua galega da democracia Ricardo Carvalho Calero, e outra postura que pola contra pedía a normativa do castellano para o galego. Como se pode intuír, finalmente gañou este segundo bando. Os argumentos esgrimidos eran que os nenos galegos non ían ser capaces de memorizar que as "G" en galego se terían que pronunciar co fonema "X" e non como en castelán. Vamos que os nosos nenos debían ter menos capacidade que os que estudan Inglés, ou Francés, ou Alemán, ou Italiano, ... E por causa disto, o que se fixo foi representar na escrita de xeito diferente as palabras que aínda seguían a pronunciarse igual, e así quedou:

- Minho/Miño.
- Coelho/Coello.
- Hoje/Hoxe.
- Ajuda/Axuda.
- Força/Forza.
- Etc etc etc...

Haberá quen diga, que mais da como se escriba? Non da igual xa que deste xeito os portugueses non saben ler o galego correctamente e nos tampouco entendemos ben o portugués. Por exemplo, tal como escribimos nos, eles en vez de "Hoxe" ven "Hocse", e en vez de "Axuda" len "Acsuda". Que por certo nos non temos ese fonema, para pronunciar "Examen" suponse que o temos que dicir como "eSamen"... E nos por non saber como escriben os portugueses, leeremos "Mino", "Coelo", "Hoghe", "Aghuda", e "Forca". Palabras que na oralidade se din igual en ambas línguas, non ten moito sentido.

Pode que todo isto "lla sople" á maioría da xente, que non lle interese o mais mínimo, pero pode que haxa outras persoas ás que si lle interese, e se intentamos que unha língua sexa útil no mundo actual temos que intentar que se poida comunicar co maior número de xente posible dentro das posibilidades que teña. Pode que ao longo dos anos existan diferenzas insalvables entre ambas as línguas, pero se existe case unanimidade hoxe en día á hora de afirmar que "hai certa comprensión" entre galego e portugués, o lóxico sería que as palabras iguais se escribisen igual non?

Os que pensamos deste xeito, non queremos que en Galicia se fale como os portugueses, iso é un prexuízo que moita xente tende a pensar cando se fala destas cousas. Eu polo menos estou a favor de manter as nosas variedades dialectais, incluso as diferenzas de cada zona, por exemplo a gheada e o seseo. Pero se soubesemos representar a nosa fala coa ortografía portuguesa poderían lernos mais de 200 millóns de persoas en todo o mundo, que se di moi rápido. Os artistas musicais terían oco nos mercados destes países, as nosas revistas tamén, e económicamente sería unha ventaxa.

Hoxe en día viaxas por Galicia adiante, e comprobas como hai cantidade de "lusismos" aínda polas nosas falas en determinados lugares: "Mao", "irmao", "chao", "verao", "mai", "estar pronto" (estar listo)", "caír", "muito", "devagar", incluso lugares nos que se dicen as "feiras" para os días da semana. E mentres tanto temos unha normativa da RAG coa que ninguén está de acordo, a xente non fala como falan na TVG, ou polo menos a maioría. É moi difícil contentar a todo o mundo nun único standard para o galego no que todo o mundo se vaia sentir representado, pero o lóxico sería facelo o mais aberto posible para que recolla o xeito de falar de mais xente e por outro lado que nos permita comunicarnos incluso con xente de fora de Galicia.

Cada un pode tomar a posición que estime conveniente, continuar como estamos ou mudar, pero espero que polo menos conseguise quitar algúns prexuízos do medio e que se respete as opinións dos demais. O futuro escollémolo nos, entre todos, non está escrito e as cousas non son todas dunha soa cor.

Comentários